Atención, familias! Pingüi ten algo moi importante que anunciar…
O alumnado do CRA de Oroso xa pode dicir ben alto que conseguiu superar con éxito a gran formación de bombeiras e bombeiros no Parque de Bombeiros da Coruña!
A xornada comezou cunha completísima fase teórica na que aprendemos como é realmente o traballo destes heroes e heroínas da nosa sociedade.
Descubrimos cales son as súas funcións, como axudan ás persoas en situacións de emerxencia, que tipo de roupa e protección utilizan segundo cada intervención, os materiais cos que traballan e os distintos vehículos que existen dentro dun parque de bombeiros .
O alumnado quedou fascinado coñecendo os enormes camións de bombeiros, os coches de intervención, os vehículos especiais e mesmo outros medios preparados para actuar con rapidez e seguridade.
Pero a aventura non remataba aí…
Despois chegou a gran fase práctica!
Primeiro tiveron que demostrar as súas habilidades físicas, traballando o equilibrio, a coordinación e a capacidade para actuar en equipo, igual que fan os bombeiros e bombeiras cada día.
E despois… chegou o momento máis esperado!
As nenas e os nenos puideron subir aos camións, descubrir como funcionan as escaleiras, utilizar as mangueiras e experimentar de preto moitos dos materiais reais empregados nas intervencións.
As caras de emoción, as risas e a ilusión acompañaron cada actividade dunha experiencia que dificilmente esquecerán.
No CRA de Oroso estamos enormemente agradecidos ao Parque de Bombeiros da Coruña por ofrecernos esta formación tan enriquecedora, cercana e chea de aprendizaxes para a vida.
Grazas por ensinar con tanta paciencia, profesionalidade e cariño o valor da axuda, da prevención, do esforzo e do traballo en equipo.
E agora si… podemos anuncialo oficialmente!
TODO O ALUMNADO SUPEROU AS PROBAS!
Así que, dende hoxe… no CRA de Oroso xa temos novas bombeiras e novos bombeiros preparados para coidar, axudar e protexer aos demais.
Unha experiencia inesquecible que xa están desexando repetir algún día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario