martes, 23 de setembro de 2025

Recomendacións outonais

 Ola pingüicolegas!

Xa sabedes que chegou o outono. Vai máis frío e tamén é tempo de ler a carón do lume. Aquí tedes uns relatos para asombrarvos.



sábado, 20 de setembro de 2025

Mariola Solidaria

Un pequeno xesto, unha gran axuda


Ata o 30 de setembro podes traer roupa e calzado usado ás escolas do CRA de Oroso para colaborar con Mariola Solidaria.

Onde? Nas escolas (Deixebre, Senra, Trasmonte, Vilacide).

Data límite: 30 de setembro (o 1 de outubro será a recollida).

Dálle unha segunda vida ao que xa non usas e axuda a quen máis o necesita. Porque compartir é construír un mundo mellor. 





xoves, 18 de setembro de 2025

Se lle das unha galleta a un rato

Se lle das unha galleta a un rato... todo pode comezar cunha divertida cadea de aventuras!

No vídeo de hoxe descubrimos como un simple agasallo pode levar o rato a:
 querer ler un conto,
 facer undebuxo,
 axudar nas tarefas da casa,
 pedir un vaso de leite…
e moito máis!

Un libro cheo de imaxinación que nos amosa como cada acción ten unha nova consecuencia e como a vida pode chegar a ser cíclica. Moitas veces un comezo volve a ser un remate.
Unha lectura ideal para rir, sorprenderse e gozar en familia Con unha idea moi saborosa.

E ti… que cres que pediría o rato despois?



domingo, 14 de setembro de 2025

Adiviña canto te quero

Descubrimos e nalgun caso redescubrimos un clásico que fai tremer o corazón: Adiviña canto te quero, de Sam McBratney e Anita Jeram. 

A labor literaria de Sam McBratney e a maxia visual de Anita Jeram deixan unha pegada fonda no mundo da creatividade e das emocións infantís, axudándonos a poñer palabras e imaxes a aquilo que máis sentimos: o AMOR sen límites. 


Entre palabras e ilustracións nenas e nenos aprenderon que o amor non ten medida… é tan grande como o ceo, tan fondo como o mar, tan infinito como as estrelas .

Un conto que nos lembra que a literatura e a arte son pontes cara ás emocións máis puras da infancia .



sábado, 13 de setembro de 2025

Comezando...

O noso curso arrinca creando espazos propios cheos de maxia!

Creamos roldas de nomes, cada neno e nena decorou  e deseñou dun xeito participativo e divertido a súa chegada a escola.
Construimos casiñas acolledoras  para gardar esas pezas tan especiais.
Puxemos cor e ilusión nun recuncho moi especial: onde descubriremos o tempo que fai , veremos quen vén á aula, organizaremos e repartiremos os nosos pequenas grandes experiencias. 

Un espazo vivo que medra coas nosas aprendizaxes e coas nosas ganas de compartir cada día! 




Un xeito diferente de aprender...

Primeiros días, primeiras emocións!


Comezamos o curso en Vilacide cunha actividade chea de cores, ilusión e creatividade: o alumnado deu vida aos seus nomes construíndo pulseiras cuns abalorios especiais. 

Un xeito divertido de poñer en marcha o curso, crear lazos e levar no pulso as ganas de aprender, compartir e descubrir todo o que nos agarda este ano escolar. 

Porque cada nome é único, e cada aprendizaxe tamén! 




martes, 9 de setembro de 2025

Novos retos, novos proxectos

Comeza o curso cheo de sorpresas e novos proxectos. Queremos que sexa un ano maravilloso para as persoas que comezan como para os que cambian de escola. Con novos mellores desexos.



luns, 8 de setembro de 2025

8 de setembro – Día Internacional da Alfabetización no CRA de Oroso


 8 de setembro – Día Internacional da Alfabetización no CRA de Oroso

No noso centro queremos comezar o curso lembrando unha data moi especial: o Día Internacional da Alfabetización, que se celebra en todo o mundo dende 1967. A alfabetización é un dereito humano fundamental, a chave que abre as portas do coñecemento, das liberdades e dunha sociedade máis xusta, pacífica e sostible.

Este ano celébrase baixo o lema “Promover a alfabetización na era dixital”. A tecnoloxía pode ofrecernos novas oportunidades para aprender e comunicarnos, pero tamén supón retos que esixen pensamento crítico, seguridade, respecto e inclusión.

No CRA de Oroso, arrincamos o curso con ilusión e coa certeza de que ler, escribir e comprender –no papel e no mundo dixital– son ferramentas imprescindibles para convivir, crear e coidar do planeta.

Hoxe celebramos que aprender é camiñar xunto e xuntas cara a un futuro mellor.


luns, 1 de setembro de 2025

Ola pingüicolegas!

Comezamos unha nova viaxe de aprendizaxe no CRA de Oroso!

Este curso traemos a mochila chea soños, aventuras compartidas e milleiros de experiencias para vivir en comunidade. Porque aprender é medrar 

Que este 2025/26 sexa un camiño cheo de creatividade, amizade e novos descubrimentos!

Benvidas e benvidos ao curso escolar no noso CRA. Preparadas? Preparados?
… Pois imós aló!




mércores, 25 de xuño de 2025

Boa viaxe!

 


Festa de Fin de Curso

Fin de curso por todo o alto no CRA de Oroso! 

Despedimos o curso cunha festa que quedará na memoria de grandes e pequenos/pequenas! 

Comezamos a xornada saltando, correndo, trepando e rindo sen parar nos inchables súper divertidos que puxeron a proba o noso equilibrio, forza e, sobre todo, o bo humor

Despois, unha merenda saudable e chea de conversa: nenas e nenos compartiron risas, anécdotas e algún segredo co profesorado. . Momentos pequenos, pero cheos de corazón .

E para rematar…  O Mago Paco fixo maxia coa súa actuación espectacular! Participaron familias, nenos e nenas, profesorado e quedamos abraiados e abraidadas! A ilusión e a fantasía enchéronnos de sorrisos! 

Grazas a todas as familias por estar aí, por acompañarnos, por formar parte deste camiño. Agora si… é tempo de poñer o traxe de verán, pechar os libros e abrir ben os ollos e o corazón ás vacacións! 

Felices vacacións, peques! Merecédesas máis que nunca!




luns, 23 de xuño de 2025

STEAM con Tractores

 


Obradoiros STEAM

Obradoiros STEAM no CRA de Oroso


A nosa biblioteca xa non é só un lugar de libros: é un laboratorio creativo onde a curiosidade prende lume! 

Estos días o alumnado mergullouse nos obradoiros STEAM, onde experimentaron, crearon e pensaron con mirada crítica. Grazas á nosa biblioteca creativa, este tipo de aprendizaxes van moito máis alá das aulas. Aquí desenvolvemos competencias para a vida, habilidades para pensar por si mesmos e ferramentas para transformar o mundo. 

Aprendizaxes impactantes, emocionantes e duradeiras. Porque o que se vive con ilusión... non se esquece! 



Musicxs e libros CEE O Pedroso e CRA de Oroso

 O CRA de Oroso acolle a exposición “Músic@s e libros” do CEE O Pedroso

Nestes últimos días de curso tivemos o pracer de recibir nas catro escolas do CRA de Oroso a exposición itinerante “Músic@s e libros”, un proxecto artístico e educativo elaborado polo Centro de Educación Especial O Pedroso.
A través desta proposta, o noso alumnado achegouse á vida e á música de artistas recoñecidos como Mozart, Beethoven, Chopin, Celia Cruz, Mercedes Sosa, Elvis Presley ou os Beatles. O alumnado e profesorado do CEE O Pedroso, encabezados pola mestra Patricia Fernández Botana, preparou 11 cadros con retratos dos músicos e músicas, acompañados dunha guía de audición, crebacabezas, caixas de música coas súas melodías e unha coidada selección bibliográfica.
Desde o CRA de Oroso queremos agradecer ao CEE O Pedroso por compartir connosco este proxecto tan enriquecedor e creativo. Foi unha honra contar con esta mostra nas nosas escolas e gozar coas súas obras de arte.



xoves, 19 de xuño de 2025

Xornada de Convivencia Familiar no CRA de Oroso

 Xornada de Convivencia Familiar no CRA de Oroso

19 de xuño
A partir das 14:30h, ao rematar as clases

Catro escolas, un só corazón 
Vilacide, Senra, Deixebre e Trasmonte únense para celebrar a festa máis agarimosa do curso: unha xornada de convivencia organizada pola nosa fabulosa ANPA Reviravoltas!

Haberá xantar compartido, risas, natureza e...
Un contacontos moi especial!
Coa maxia de Cris de Caldas, mergullarémonos en historias que nos farán soñar e rir xuntos!

Estades TODAS as familias convidadas, sexades ou non socias da ANPA. Porque neste día, o importante é compartir, convivir e celebrar todo o que construímos durante o curso como comunidade educativa 

Ven, trae o teu sorriso, a túa comida e as gañas de pasalo xenial!
O CRA de Oroso somos todas e todos. Xuntas facemos escola. Xuntas facemos comunidade. Xuntas facemos Reviravoltas!




domingo, 15 de xuño de 2025

Brazolinda coa Biblioteca Creativa

 🌟 Xoguetes que falan galego, mans que crean aprendizaxes, escolas que latexan cultura. 🌟

No CRA do CRA de Oroso, as Bibliotecas Escolares de Galicia son moito máis ca libros: son laboratorios de emocións, imaxinación e identidade. ✨📚
Esta semana, dentro do noso Plan de Biblioteca Creativa, tivemos o luxo de contar cunha formación especial da man de Brazolinda, un maravilloso obradoiro que crea xoguetes artesáns feitos a man, 100% en galego e inspirados na nosa terra. 🌿🎲
🎒 Nenas e nenos das escolas do CRA de Oroso acompañados polas súas familias, participaron en pequenas xornadas formativas repartidas polas distintas escolas. Xogaron, compartiron, descubriron… E sobre todo aprenderon con alegría e en comunidade, facendo do xogo unha ferramenta de aprendizaxe real, viva e galega. 💚👨‍👩‍👧‍👦
👉 Esta experiencia amosa o poder dunha biblioteca creativa ben viva: fomenta o pensamento crítico, a oralidade, a creación e o vínculo familiar, poñendo en valor o noso idioma e a nosa cultura dende a infancia.
📌 A biblioteca escolar non é só un lugar: é unha idea, unha revolución pedagóxica, unha porta que se abre á innovación e á tradición ao mesmo tempo.
💥 E si, no CRA de Oroso xa temos claro que ou xogamos en galego… ou perdemos a partida.




Educación Vial no CRA de Oroso

Educación vial nas escolas do CRA de Oroso: un camiño seguro cara o futuro

Ao longo destas semanas, nas escolas de Deixebre, Trasmonte, Vilacide e Senra, vivimos unhas xornadas moi especiais a través do programa Proxecta: Mobilidades Sostible.

Contamos coa presenza de Kiko e Alberto, da Dirección Xeral de Tráfico, que compartiron con nós todo o seu saber e experiencia para axudarnos a ser peóns, ciclistas e acompañantes máis responsables. 

Falamos de sinais de tráfico, do uso correcto do semáforo e dos pasos de peóns, da importancia de ir en bici con seguridade e de como evitar riscos na rúa e nas estradas, como debemos ir sendados nos vehículos… Todo cun obxectivo común: previr accidentes e coidar da nosa vida e da dos demais.

Porque a seguridade viaria comeza desde pequenos e pequenas, e no CRA de Oroso aprendemos que é un traballo de equipo entre escola e familia. A súa colaboración e exemplo son fundamentais para que o aprendido nas aulas se leve tamén á vida cotiá.

Grazas a todas as familias pola vosa implicación, e a Kiko e Alberto por sementar conciencia e respecto polas normas que nos protexen a todos e todas. Xuntos e xuntas construímos camiños máis seguros e sostibles.




martes, 10 de xuño de 2025

Recomendacións lectoras

Verán con sabor a lectura, xogo e creatividade! 

No CRA de Oroso non queremos que o verán pase sen máis... Por iso preparamos un Canva moi especial con ideas fresquiñas para que as familias poidades desfrutar xuntas:


Recomendacións lectoras 

Xogos para días de sol e sombra 

Actividades creativas e entretidas 


Todo co selo da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, que nos inspira a seguir facendo da lectura unha aventura sen fin.

Bótalle un ollo aquí:


 https://www.canva.com/design/DAGp368kzmM/fhEbUocgvEUR-I98sgiocw/edit



luns, 2 de xuño de 2025

O monstro de sangue

 🔴👹 Non todo é o que semella... ou si?

💥 O Monstro de Sangue chega para facer tremer... de emoción! Un conto feito con moito maxín polos nenos e nenas do CRA de Oroso (Trasmonte) que nos convida a mirar máis alá das aparencias. 🧠💓 Nesta historia tan especial, descubriremos que o que parece feroz… pode agochar un corazón amable. Un traballo de creación colectiva, en galego, que combina ilustración, escrita e moita imaxinación. 📲✨ Xa dispoñible en versión dixital e de autoedición! 📚💬 Atréveste a coñecer ao Monstro de Sangue? A resposta pode sorprenderte…



mércores, 28 de maio de 2025

Xornada de convivencia inesquecible no CEIPP de Sigüeiro

 Xornada de convivencia inesquecible no CEIPP de Sigüeiro

Hoxe vivimos unha manancial de emocións e ilusións! O noso alumnado do CRA de Oroso tivo a sorte de visitar o CEIPP de Sigüeiro, coñecendo así as instalacións do que será o seu novo fogar escolar. 

Fomos recibidas e recibidos tanto alumnado, profesorado e familias con moito agarimo por un equipo humano marabilloso: profesorado, persoal non docente e alumnado que nos fixeron sentir como na casa dende o primeiro momento.

Gozamos dunha fantástica obra de teatro feita polo propio alumnado do CEIPP, onde puideron recoñecer antigas compañeiras e compañeiros do CRA, reencontrarse e facer novos lazos de amizade. 🤝

Participaron en xogos colaborativos que fixeron da xornada unha auténtica festa de convivencia, emoción e aprendizaxe compartida.

Ademais, fixéronnos uns agasallos cheos de cariño que gardaremos como lembranza deste día tan especial.

Dende o CRA de Oroso damos as GRAZAS de todo corazón a toda a comunidade educativa do CEIPP de Sigüeiro por abrirnos as portas, polos sorrisos, pola calor humana e por facer deste paso un camiño fermoso cara o futuro.



Excursión de Fin de Curso: Bautismo do caiac

Un día para gardar no corazón... 

Este martes, o CRA de Oroso viviu unha xornada máxica na Illa de Arousa, chea de aprendizaxes, amizade e natureza.

Comezamos cun obradoiro de pintado de cunchas que deu paso a xogos na area, risas e creatividade sen límite. Despois, chegou o momento máis esperado: o bautismo de caiac, onde o mar nos abrazou e descubrimos novas formas de movernos e divertirnos no medio natural. 

Tras tanto movemento, compartimos un merecido xantar baixo as árbores, e pola tarde continuamos xogando e gozando dunha praia chea de vida e alegría. Para rematar, fixemos unha merenda fantástica, profes e alumnado, celebrando xuntos e xuntas o valor de ser comunidade.

Foi unha excursión que non só nos levou a un lugar fermoso, senón que nos conectou coa natureza, co grupo e con nós mesmos e mesmas.

Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta experiencia inesquecible.




sábado, 24 de maio de 2025

Excursión de Fin de Curso

 Excursión de fin de curso do CRA de Oroso!

O vindeiro martes 27 de maio despedimos o curso cunha saída moi especial á Illa de Arousa, un paraíso natural onde o noso alumnado vivirá unha xornada inesquecible.

Actividades para disfrutar e aprender:
Bautismo de Kayak
Obradoiro de cunchas

Todo da man de Piragüilla ocio e aventura, especialistas en actividades na natureza.

Puntos de recollida:
• 9:30 - Restaurante Os Carballos (alumnado de Deixebre e Trasmonte)


• 9:40 - Pavillón polideportivo de Sigüeiro (alumnado de Senra e Vilacide)

Hora de regreso estimada: 18:00 dende a Illa de Arousa

Iremos cargadiños de ilusión, ganas de remar e de seguir aprendendo no medio natural!







A araña máis eu

Unha araña no corpo humano? Si… e tamén no CRA de Oroso!


No noso proxecto As casas dos animais tocoulle a quenda ás arañas! E non calquera araña… senón unha exploradora valente e soñadora, que descubrimos no conto "A araña e mais eu" de Fran Alonso e Manuel G. Vicente (Kalandraka).

Coas súas patiñas curiosas percorremos narices de amorodo, ollos de cereixa e ata pel de pexego nunha viaxe poética polo corpo humano... que rematou nunha actividade ben saborosa!

Estudamos as súas características, o seu papel no ecosistema, os seus costumes… e mesmo a importancia que teñen na cultura e na literatura. Para poñerlle o broche á xornada, fixemos uns pinchos de froita ben arañentos, que deixaron a todos coa boca aberta... e chea! 

No CRA de Oroso, a natureza e a lectura danse a man para aprender, crear e saborear! 




martes, 20 de maio de 2025

Gran festa de despedida na Pingüibiblio

Gran festa de despedida na nosa Pingüibiblio do CRA de Oroso!

Hoxe puxémoslle o remate a unha tempada chea de historias, aventuras e emocións cunha xornada moi especial!

Comezamos coa lectura de "Hai alguén máis feroz ca min?" de Hugo Fernandes & Zé Carlos Pinto, un conto no que un monstro moi feroz descubre que a amizade pode ser máis poderosa ca o medo... E nós tamén aprendemos que xuntas e xuntos somos invencibles!


 Logo da lectura... chegou a festa larpeira e cantareira!

Tivemos baile, xogos, pinchos e moooita diversión! As mestras puxéronse as pilas e todos e todas bailamos ata perder o medo!

Rapazada feliz, profes entusiasmadas e unha biblioteca que latexa con forza grazas á participación de toda a comunidade. Grazas por facer posible momentos coma este! 

Tamén das as grazas a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Oroso e o Concello de Oroso por emprestarnos as súas instalacions e colaborar coa nosa biblioteca. Grazas por deixarnos seguir adiante co noso proxecto educativo.




Texas Food TEX - MEX

  TASTE OF TEXAS IN OROSO!

Our amazing language assistant Megan brought a delicious presentation to life in the classroom at CRA de Oroso!
Under the theme “TEXAS FOOD – TEX-MEX”, she introduced our students to mouthwatering dishes from her home state : from spicy tacos and cheesy nachos to flavorful chili and more!
The kids were thrilled and curious to learn about different cultures through food — what a tasty way to explore English and the world!
Take a look at Megan’s fantastic presentation here:




domingo, 18 de maio de 2025

Festa de Despedida na Pingüibiblio! 

Ola, familias do CRA de Oroso! Chega o momento de pechar un curso cheo de aprendizaxes, lecturas e emocións compartidas. E que mellor maneira de facelo que cunha festa moi especial na nosa querida Pingüibiblio que por razóns climáticas agora estamos, grazas ao Concello e a Bilbioteca pública municipal de Oroso nas súas instalacións, acompañados polo noso inseparable amigo, Pingüi! 

Preparamos unha máxica sesión para despedir as actividades da biblioteca deste curso. Será unha tarde chea de historias, sorrisos e moita ilusión! Non faltedes! Traede as vosas ganas de pasalo ben e de compartir este momento tan especial coa nosa comunidade educativa. Porque cada final é tamén un novo comezo, e xuntos e xuntas seguimos medrando!



Recomendacións lectoras Letras Galegas 2025

Recomendacións lectoras para as Letras Galegas no CRA de Oroso! 

Chegaron as Letras Galegas e con elas unha maleta chea de aventuras, contos, risas e emocións da man de escritoras e ilustradores galegos e galegas que nos fan soñar en galego! 

Dende EVA MEJUTO ata IVÁN R., pasando por nomes como LUCÍA COBO, PEPE CARREIRO, RO LEDESMA ou CONCHA BLANCO... temos libros para todos os gustos e idades!

Queres descubrir títulos para ler en familia, para levar na mochila, para rir, pensar ou deixar voar a imaxinación? Pois non perdas esta presentación tan chula feita co corazón no noso CRA 

Podes vela aquí:

Comparte, comenta e, sobre todo, le! Porque ler en galego é un superpoder que medra con cada historia.




sábado, 17 de maio de 2025

Letras Galegas 2025



As nosas mans crean, a nosa lingua resoa! 


No CRA de Oroso celebramos as Letras Galegas cunha homenaxe moi especial: construímos a nosa propia pandeireta artesanal, decorada con coidado, cor e orgullo polo alumnado. Unha obra feita con amor, que leva impreso o noso logo escolar, símbolo da identidade que nos une.

 Cada pincelada foi un canto á nosa terra.
Cada son, unha lembranza das cantareiras e da tradición oral que queremos manter viva.
Cada palabra, un compromiso co futuro do galego.

Este traballo manual non é só unha pandeireta: é un acto educativo, cultural e galeguista, onde o noso alumnado aprende facendo, crea sentindo e medra compartindo. Porque as Letras Galegas tamén se traballan coas mans e co corazón.

E si, sabemos que este día, tan noso, merece conmemorarse a nivel mundial, como un berro de identidade que pon en valor a nosa cultura, a nosa lingua e o noso xeito de estar no mundo.

Grazas a todas as familias, profes e crianzas que facedes posible esta sementeira de galeguidade. Que vivan as pandeireteiras! Que viva a escola pública! Que viva o galego!


Manoele, Letras Galegas 2025



 A tradición cobra vida no CRA de Oroso!

Esta semana tocou saír das escolas… e entrar na alma da nosa cultura! O noso alumnado gozou dunha xornada moi especial da man de Manuele, mestre, músico e transmisor incansable das nosas raíces @tradidácticos.gal 

Cunchas, pandeira, gaita, bombo…
Cantigas que viaxan de boca en boca, de xeración en xeración…
Palabras que fan comunidade e que resoan na memoria da terra.

No Día das Letras Galegas 2025, adicado ás cantareiras, Manuele abríunos as portas dun mundo cheo de ritmo, tradición e identidade. A súa paixón e saber fixeron que nenos, nenas e mestras/e se mergullaran nun mar de sons que nos definen.

Grazas, Manuele, por regalarnos esta experiencia tan fonda e emotiva. Por lembrar que a música tradicional é moito máis ca notas e ritmos: é unión, é orgullo, é futuro.

As familias podedes ver o froito dunha labor que sementa amor pola nosa lingua e cultura. E que fermosa colleita!

 Compartide esta realidade para que o mundo vexa que no rural tamén se baila, tamén se canta, tamén se educa co corazón e nel están as raices asentadas para continuar amando a nosa terra sen condicions.



xoves, 15 de maio de 2025

15 de maio Día Internacional das Familias

O tempo pasa voando… pero o amor dunha familia dura toda a vida! 

Este 15 de maio, no Día Internacional das Familias, no CRA de Oroso decidimos facer algo moi especial… un reloxo único, artesanal e con moito corazón! 

Cada neno e nena construíu o seu propio reloxo, pero non é un reloxo calquera… non! Neste as agullas non marcan as horas, marcan os abrazos, as risas e os momentos compartidos coa súa familia!

Con lenzos, cores, imaxinación e moito cariño, deron forma a este pequeno tesouro, onde unha obra artística representa a súa familia, o seu fogar, o seu mundo.

E é que... se o tempo é ouro, a familia é o diamante que o garda! 

💬 "Profe, podo poñer o meu can?”
💬 "Miña avoa di que a nosa familia é coma un reloxo: se falla unha peza, paramos todos!”

💬 “Profe, podo poñer a todas as persoas que quero?"

Estes reloxos son o noso agasallo para as nosas familias, para lembrar que, sexan como sexan, grandes, pequenas, ruidosa, calmas, diferentes, parecidas, variadas… son o noso verdadeiro tic-tac! 




mércores, 14 de maio de 2025

Cantareiras do CRA de Oroso

As nosas pequenas cantareiras fan soar o corazón do CRA de Oroso! 

Nestes días de celebración das Letras Galegas, queremos poñer o foco nun grupo moi especial: as nosas pandeireteiras do CRA de Oroso, pequenas artistas que forman parte do grupo Lembranzas do Tambre e que manteñen viva, con forza e ilusión, a tradición musical galega.

 Elas son moito máis que nenas aprendendo a tocar: son herdeiras dunha tradición, transmisoras de cultura e exemplo de compromiso coa nosa lingua e co noso patrimonio inmaterial.

Tocan con paixón, cantan con alma e emocionan con cada pandeirada. Ver como se implican, como gozan e como comparten a súa arte co resto do alumnado é un verdadeiro agasallo para toda a comunidade educativa.

Grazas, pequenas grandes cantareiras, por levar con tanto orgullo e talento a nosa música popular. Grazas tamén ás persoas que as acompañan, guían e animan a seguir facendo soar a nosa historia dende as aulas, os escenarios... ou mesmo no patio da escola!

O Concello de Oroso ten futuro porque ten raíz. E esa raíz... tamén canta!