martes, 16 de decembro de 2025

Moitas Grazas!

 Aprender da vida, aprender da nosa terra

Vivimos unha desas experiencias que quedan para sempre na memoria. Os nenos e nenas da escola tiveron a oportunidade de achegarse a algo tan sinxelo e tan extraordinario á vez como é o nacemento dun becerriño.

Da man da familia de Javier, e acompañados tamén por un antigo alumno e a súa familia, coñecemos de preto como é o parto dun tenreiro, os primeiros momentos de vida e, sobre todo, o coidado cheo de tenrura da súa nai. Aprendemos que para coidar hai que coñecer, respectar e valorar, e que estes animais son parte esencial da nosa vida e da nosa identidade en Galicia.

Esta visita foi moito máis ca unha saidiña: foi unha lección de respecto, de tradición, de realidade galega e de comunidade. Porque nos colexios rurais, a escola non remata na aula: late no entorno, nas familias, na xente que sempre suma e abre as portas para ensinar con xenerosidade.

Grazas de corazón a Javier e a súa familia  por facernos partícipes deste momento tan especial e por axudarnos a seguir educando dende o real, o próximo e o humano.

Escola, familia e territorio camiñando xuntos.



Recomendacións lectoras Nadal 2025

Recomendacións lectoras de Nadal no CRA de Oroso

No CRA de Oroso queremos aproveitar estas datas tan especiais para lembrar algo fundamental: ler, escribir e soñar tamén forma parte do Nadal. Por iso, compartimos unha selección de libros e xogos que están a encheras as vosas ilusións, lingua e aprendizaxe 

En galego, apostamos por historias que emocionan e fan voar a imaxinación:

  • A tenda de xoguetes, un libro cheo de maxia e nostalxia.
  • Sopas de letras do Nadal, ideal para xogar coas palabras, reforzar a lectoescritura e desfrutar do espírito destas festas.
  • A chave dos soños, unha lectura poética que invita a abrir portas á imaxinación e aos desexos.

En castelán, sumamos títulos cheos de humor e valores:

  • El reno que vino a cenar unha historia divertida sobre amizade e convivencia.
  • Nunca dejes que un unicornio se encuentre con un reno perfecta para rir e reflexionar.

En inglés, achegamos lecturas adaptadas ás primeiras idades:

  • Start e Bot, libros ideais para iniciarse na lingua inglesa dun xeito visual, sinxelo e motivador.

Ademais, completamos estas recomendacións con xogos de mesa para infantil e primaria, como La Morada, Maldita ou La Galaxia de los Números, que fomentan o razoamento, a cooperación e a aprendizaxe a través do xogo.

Este Nadal regalemos tempo:
tempo para ler sen présas,
para escribir, inventar e crear,
e para gozar das festas en familia arredor dos libros.

Porque cada lectura é unha semente de futuro.



luns, 15 de decembro de 2025

Lectura en crebacabezas

 No CRA de Oroso tamén se le… e constrúe!

O noso alumnado mergullouse nun reto moi especial: crebacabezas 3D de Nadal, onde a maxia non estivo só no resultado final, senón no proceso lector.

Antes de montar, houbo que ler con atención, interpretar instrucións en papel, seguir pasos, anticipar accións e poñer en práctica a comprensión lectora. Un exemplo perfecto de como a lectura é unha ferramenta viva que nos permite pensar, crear e resolver retos reais, en plena sintonía co PLEA (Programa de Lectura, Escritura e Acceso á Información).

Porque ler tamén é facer, construír, equivocarse e volver intentalo. Así aprendemos no CRA de Oroso.





domingo, 14 de decembro de 2025

Plantando

 🍂🌱 Outono: tempo de plantar… e de soñar! 🌱🍂

No CRA de Oroso puxémonos mans á terra porque o outono tamén é tempo de coidar, agardar e confiar 🌍💚
Plantamos bulbos de tulipáns e narcisos, pequenos tesouros agochados baixo a terra que nos lembran que a natureza sempre traballa, aínda que non a vexamos 🌷🌼

👧🧒 Escavamos, observamos, tocamos a terra, regamos con agarimo… e aprendemos que para que algo medre fai falta tempo, paciencia e coidado.
Agora toca esperar… porque a primavera xa está en camiño, aínda que durma baixo o chan 🌸✨

🌿 No Voz Natura temos claro: dar voz ao planeta é escoitalo, coidalo e aprender con el cada día.




Se chove que chova

 E se chove, q chova. Os momentos  de choiva no patio poden ser divertidos. 



O tizón de Nadal

 O tizón de Nadal chegou á escola!

No cole quixemos vivir o Nadal como se facía antes, escoitando historias que pasan de xeración en xeración e descubrindo a maxia das nosas tradicións galegas 

Aprendemos quen son os Trubincos, eses pequenos seres do Nadal que baixan polas chemineas na noiteboa e que, se non atopan piñas con brea, fan trasnadas polos fogares.
Coñecemos tamén o significado do tizón de Nadal, ese tronco grande de carballo que se prende na lareira o 24 de decembro, símbolo de protección, fertilidade e coidado da casa e dos campos.
E non podía faltar o Apalpador, o carboeiro do Courel que baixa das montañas para comprobar que os nenos e nenas están ben alimentados, desexar boa fartura e deixar castañas e ilusión.

Despois… tocaba a aventura! Fixemos unha saída escolar pola natureza para buscar o noso propio tizón de Nadal. Observamos, exploramos, colaboramos… e reto conseguido! 

Unha experiencia chea de aprendizaxe, tradición, respecto pola natureza e identidade cultural. Porque educar tamén é manter viva a memoria do noso pobo