sábado, 24 de xaneiro de 2026

Aprender a informarse tamén é aprender a vivir en sociedade

 Nestes días nos que Galicia estivo baixo alerta laranxa, vermella e amarela, o alumnado do CRA de Oroso estivo moi atento ao que acontecía na nosa contorna. A través dos medios de comunicación, especialmente dos informativos, puideron coñecer de primeira man os sucesos que se estaban a producir en toda a nosa comunidade.

Nas aulas seguimos a actualidade, observamos mapas do tempo, escoitamos as recomendacións dos servizos de emerxencia e comprendemos por que é tan importante estar ben informados cando se dan situacións especiais.

Ademais, o alumnado puido ver como nevaba no Cebreiro en directo, achegándose así a realidades doutros puntos do país sen saír da escola.

Estas experiencias axúdannos a traballar desde idades temperás a importancia de informarse a través de diversas fontes que poidan ser fiables, contrastadas e veraces, entendendo que os medios de comunicación cumpren un papel fundamental para coñecer o mundo que nos rodea e tomar decisións responsables.

Porque educar tamén é aprender a escoitar, observar, comprender e informarse ben.



xoves, 22 de xaneiro de 2026

Sementando hoxe, coidando o mañá

 No CRA de Oroso seguimos aprendendo coa terra entre as mans. Estes días vemos medrar os tulipáns e narcisos, pero tamén estamos a cultivar respecto, paciencia e amor pola natureza.

A través do programa voznatura, o alumnado participa activamente no coidado do medio ambiente, observa os procesos naturais e comprende que cada pequeno xesto é importante para protexer o noso planeta.

Educar desde a experiencia directa, desde a natureza e desde a emoción é unha parte esencial do noso labor educativo. Porque cando unha semente medra na escola, tamén medra a conciencia ecolóxica 



martes, 20 de xaneiro de 2026

O libro das apertas de Guido Van Genechten



 Ola pingüicolegas!!

Xa sei que este martes foi un día moi mimoso. E que falastedes da importancia das apertas e como son necesarias para vivir como persoas sans e felices. Este libro tan maravilloso foi escritor por Guido Van Genechten:


Este autor naceu en Mol (Bélxica) e estudou debuto, pintura, diseño e fotografías. De neno viveu na aldeas a día de hoxe aínda lle encanta vivir alí.  Por iso mesmo nos seus libros sempre hai moitos protagonistas animais como coellos, porcos, tartarugas... 

Algún libros que escribeu foron...


Queredes ver o contiño?

 



domingo, 18 de xaneiro de 2026

Martes de apertas

 O vindeiro 20 de xaneiro, a biblioteca escolar do CRA de Oroso, a nosa querida Pingüibiblio, transformarase nun espazo onde os libros tamén dan apertas.

Celebramos o Día das Apertas cunha sesión moi especial de invasión á lectura, na que falaremos do marabilloso mundo das apertas: eses xestos sinxelos pero tan necesarios que transmiten cariño, seguridade, amor e acompañamento.

Da man do libro O libro das apertas de Guido Van Genechten, o noso alumnado descubrirá que unha aperta pode dicir moito máis ca mil palabras e que a lectura tamén é unha fermosa maneira de coidar, sentir e compartir.

Para nós, as apertas son unha linguaxe universal, especialmente importante na infancia, e a biblioteca é o lugar perfecto para celebralas xuntos, como comunidade educativa.

Convidamos a todo o alumnado a achegarse ese día á Pingüibiblio, a deixarse envolver polas historias e a lembrar que ler tamén é unha forma de dar e recibir apertas.

Porque onde hai libros, hai emocións… e onde hai apertas, hai escola.




venres, 16 de xaneiro de 2026

 Maxia, mitoloxía… e lobishomes no CRA de Oroso! 

No CRA de Oroso seguimos mergullándonos na mitoloxía galega, e esta vez tocoulle ao misterioso e fascinante lobishome.
O noso alumnado investigou, escoitou historias, creou, experimentou e expresouse a través da arte (coñecendo a Vektor feito por Candido Pazos no Concello de Dumbria), poñéndose na pel deste personaxe lendario… ata transformarse en auténticos lobishomes e lobismulleres!

Porque neste proxecto aprendemos en comunidade que non só existían homes lobo, senón tamén mulleres lobo, rompendo estereotipos e ampliando a nosa mirada sobre as lendas e a tradición oral galega.

Este curso, un dos nosos grandes proxectos é A Maxia, estamos descubríndoa desde o punto de vista mitolóxico, conectando cultura, creatividade e aprendizaxe dun xeito significativo e apaixonante.

Queremos agradecer a implicación das nosas familias, que sempre camiñan ao noso lado, e animar tamén ás futuras familias a formar parte desta escola rural viva, onde os proxectos se constrúen xuntos e cada persoa conta.

No CRA de Oroso a maxia non se explica… vívese.





 No CRA de Oroso vivimos días que enchen o corazón

O noso alumnado foi agasallado con xoguetes que xa non se utilizaban nos fogares e que, grazas á xenerosidade das familias, atopan aquí unha segunda vida chea de ilusión, aprendizaxe e xogo compartido.

Queremos expresar un agradecemento moi especial á mamá de Marcos e Martín, que nos fixo chegar un auténtico tesouro: area máxica, xogos manipulativos, propostas vencelladas ao reciclaxe, ás matemáticas e ao xogo creativo. Materiais que xa están a enriquecer o día a día das nosas aulas e a facer do xogo unha poderosa ferramenta educativa.

Desde aquí queremos lembrar a todas as familias e persoas próximas ao centro que cando un xoguete xa non se usa, pode seguir facendo feliz a outros nenos e nenas. Doar, compartir e reutilizar é educar en valores, é coidar do planeta e é construír comunidade.

No CRA de Oroso cremos nunha escola aberta, viva e participativa, onde as familias son protagonistas. Ás que xa formades parte desta gran familia… grazas
E ás que estades a pensar na futura matrícula escolar, dicímosvos que aquí educamos xuntos e xuntas, compartimos e medramos en comunidade.

Porque compartir é das cousas máis fermosas que se poden ensinar 

mércores, 14 de xaneiro de 2026

Esa cousa pegañenta


 
Na nosa Pingüibiblio seguimos descubrindo días fríkis con lecturas e parendizaxes que sorprenden, divirten e fan pensar. 

Quero falarvos do libro Esa cosa pegajosa, un conto moi especial escrito por María Márquez e ilustrado por Bea Enríquez.


Quen está detrás desta historia tan pegañenta?


María Márquez é autora de libros cheos de humor, curiosidade e preguntas que nos fan mirar o mundo con outros ollos. As súas historias adoitan partir de cousas cotiás para convertelas en auténticas aventuras para a mente.

 




Bea Enríquez, ilustradora, dálles vida ás palabras cun estilo divertido, expresivo e moi visual, facendo que cada páxina sexa unha pequena sorpresa.



As dúas crearon libros que fan rir, pensar e aprender xogando. En Esa cousa pegañosa descubrimos o chicle dun xeito totalmente diferente.


Na Pingüibiblio do CRA de Oroso os libros non se len…