Benvidas e benvidos ao curso escolar 2024-2025 no Colexio Rural Agrupado de Oroso!
Queridas familias, profesorado, alumnado e toda a comunidade educativa: énchenos de alegría darvos a benvida a un novo ano cheo de aprendizaxes, experiencias e momentos inesquecibles. Este curso bríndanos a oportunidade de retomar con forza o camiño do coñecemento, de descubrir novas paixóns e de medrar, nunha contorna no que cada día é unha aventura.
O colexio prepárase con entusiasmo para recibir aos cativos e cativas, sabendo que cada un de vós é unha peza crave nesta comunidade. Ás familias, agradecémosvos o voso apoio e colaboración, fundamentais para construír o futuro das nosas crianzas. Ao noso equipo docente, grazas pola vosa dedicación, por acender a faísca do saber e acompañar a cada neno e nena no seu desenvolvemento integral. E como non a toda a comunidade educativa que nos apoia e axuda a medrar.
Este curso, queremos seguir apostando pola creatividade, a curiosidade e o espírito de colaboración que nos caracteriza. Queremos que cada escola sexa un espazo onde se cultiven non só os coñecementos académicos, senón tamén os valores que nos unen como comunidade. Queremos que cada recuncho do CRA sexa un lugar onde reine a amizade, o respecto e o esforzo compartido.
O Colexio Rural Agrupado de Oroso está preparado para enfrontar con ilusión e compromiso os retos que este novo curso preséntanos. Sabemos que colaborando, podemos facer que este ano sexa verdadeiramente especial.
Que comece a aventura do curso 2024-2025! Estamos seguras de que será un ano cheo de éxitos, aprendizaxes e, sobre todo, de moitos momentos felices.
Ánimo e forza todos e todas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario