mércores, 28 de maio de 2025

Xornada de convivencia inesquecible no CEIPP de Sigüeiro

 Xornada de convivencia inesquecible no CEIPP de Sigüeiro

Hoxe vivimos unha manancial de emocións e ilusións! O noso alumnado do CRA de Oroso tivo a sorte de visitar o CEIPP de Sigüeiro, coñecendo así as instalacións do que será o seu novo fogar escolar. 

Fomos recibidas e recibidos tanto alumnado, profesorado e familias con moito agarimo por un equipo humano marabilloso: profesorado, persoal non docente e alumnado que nos fixeron sentir como na casa dende o primeiro momento.

Gozamos dunha fantástica obra de teatro feita polo propio alumnado do CEIPP, onde puideron recoñecer antigas compañeiras e compañeiros do CRA, reencontrarse e facer novos lazos de amizade. 🤝

Participaron en xogos colaborativos que fixeron da xornada unha auténtica festa de convivencia, emoción e aprendizaxe compartida.

Ademais, fixéronnos uns agasallos cheos de cariño que gardaremos como lembranza deste día tan especial.

Dende o CRA de Oroso damos as GRAZAS de todo corazón a toda a comunidade educativa do CEIPP de Sigüeiro por abrirnos as portas, polos sorrisos, pola calor humana e por facer deste paso un camiño fermoso cara o futuro.



Excursión de Fin de Curso: Bautismo do caiac

Un día para gardar no corazón... 

Este martes, o CRA de Oroso viviu unha xornada máxica na Illa de Arousa, chea de aprendizaxes, amizade e natureza.

Comezamos cun obradoiro de pintado de cunchas que deu paso a xogos na area, risas e creatividade sen límite. Despois, chegou o momento máis esperado: o bautismo de caiac, onde o mar nos abrazou e descubrimos novas formas de movernos e divertirnos no medio natural. 

Tras tanto movemento, compartimos un merecido xantar baixo as árbores, e pola tarde continuamos xogando e gozando dunha praia chea de vida e alegría. Para rematar, fixemos unha merenda fantástica, profes e alumnado, celebrando xuntos e xuntas o valor de ser comunidade.

Foi unha excursión que non só nos levou a un lugar fermoso, senón que nos conectou coa natureza, co grupo e con nós mesmos e mesmas.

Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta experiencia inesquecible.




sábado, 24 de maio de 2025

Excursión de Fin de Curso

 Excursión de fin de curso do CRA de Oroso!

O vindeiro martes 27 de maio despedimos o curso cunha saída moi especial á Illa de Arousa, un paraíso natural onde o noso alumnado vivirá unha xornada inesquecible.

Actividades para disfrutar e aprender:
Bautismo de Kayak
Obradoiro de cunchas

Todo da man de Piragüilla ocio e aventura, especialistas en actividades na natureza.

Puntos de recollida:
• 9:30 - Restaurante Os Carballos (alumnado de Deixebre e Trasmonte)


• 9:40 - Pavillón polideportivo de Sigüeiro (alumnado de Senra e Vilacide)

Hora de regreso estimada: 18:00 dende a Illa de Arousa

Iremos cargadiños de ilusión, ganas de remar e de seguir aprendendo no medio natural!







A araña máis eu

Unha araña no corpo humano? Si… e tamén no CRA de Oroso!


No noso proxecto As casas dos animais tocoulle a quenda ás arañas! E non calquera araña… senón unha exploradora valente e soñadora, que descubrimos no conto "A araña e mais eu" de Fran Alonso e Manuel G. Vicente (Kalandraka).

Coas súas patiñas curiosas percorremos narices de amorodo, ollos de cereixa e ata pel de pexego nunha viaxe poética polo corpo humano... que rematou nunha actividade ben saborosa!

Estudamos as súas características, o seu papel no ecosistema, os seus costumes… e mesmo a importancia que teñen na cultura e na literatura. Para poñerlle o broche á xornada, fixemos uns pinchos de froita ben arañentos, que deixaron a todos coa boca aberta... e chea! 

No CRA de Oroso, a natureza e a lectura danse a man para aprender, crear e saborear! 




martes, 20 de maio de 2025

Gran festa de despedida na Pingüibiblio

Gran festa de despedida na nosa Pingüibiblio do CRA de Oroso!

Hoxe puxémoslle o remate a unha tempada chea de historias, aventuras e emocións cunha xornada moi especial!

Comezamos coa lectura de "Hai alguén máis feroz ca min?" de Hugo Fernandes & Zé Carlos Pinto, un conto no que un monstro moi feroz descubre que a amizade pode ser máis poderosa ca o medo... E nós tamén aprendemos que xuntas e xuntos somos invencibles!


 Logo da lectura... chegou a festa larpeira e cantareira!

Tivemos baile, xogos, pinchos e moooita diversión! As mestras puxéronse as pilas e todos e todas bailamos ata perder o medo!

Rapazada feliz, profes entusiasmadas e unha biblioteca que latexa con forza grazas á participación de toda a comunidade. Grazas por facer posible momentos coma este! 

Tamén das as grazas a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Oroso e o Concello de Oroso por emprestarnos as súas instalacions e colaborar coa nosa biblioteca. Grazas por deixarnos seguir adiante co noso proxecto educativo.




Texas Food TEX - MEX

  TASTE OF TEXAS IN OROSO!

Our amazing language assistant Megan brought a delicious presentation to life in the classroom at CRA de Oroso!
Under the theme “TEXAS FOOD – TEX-MEX”, she introduced our students to mouthwatering dishes from her home state : from spicy tacos and cheesy nachos to flavorful chili and more!
The kids were thrilled and curious to learn about different cultures through food — what a tasty way to explore English and the world!
Take a look at Megan’s fantastic presentation here:




domingo, 18 de maio de 2025

Festa de Despedida na Pingüibiblio! 

Ola, familias do CRA de Oroso! Chega o momento de pechar un curso cheo de aprendizaxes, lecturas e emocións compartidas. E que mellor maneira de facelo que cunha festa moi especial na nosa querida Pingüibiblio que por razóns climáticas agora estamos, grazas ao Concello e a Bilbioteca pública municipal de Oroso nas súas instalacións, acompañados polo noso inseparable amigo, Pingüi! 

Preparamos unha máxica sesión para despedir as actividades da biblioteca deste curso. Será unha tarde chea de historias, sorrisos e moita ilusión! Non faltedes! Traede as vosas ganas de pasalo ben e de compartir este momento tan especial coa nosa comunidade educativa. Porque cada final é tamén un novo comezo, e xuntos e xuntas seguimos medrando!