mércores, 25 de xuño de 2025

Boa viaxe!

 


Festa de Fin de Curso

Fin de curso por todo o alto no CRA de Oroso! 

Despedimos o curso cunha festa que quedará na memoria de grandes e pequenos/pequenas! 

Comezamos a xornada saltando, correndo, trepando e rindo sen parar nos inchables súper divertidos que puxeron a proba o noso equilibrio, forza e, sobre todo, o bo humor

Despois, unha merenda saudable e chea de conversa: nenas e nenos compartiron risas, anécdotas e algún segredo co profesorado. . Momentos pequenos, pero cheos de corazón .

E para rematar…  O Mago Paco fixo maxia coa súa actuación espectacular! Participaron familias, nenos e nenas, profesorado e quedamos abraiados e abraidadas! A ilusión e a fantasía enchéronnos de sorrisos! 

Grazas a todas as familias por estar aí, por acompañarnos, por formar parte deste camiño. Agora si… é tempo de poñer o traxe de verán, pechar os libros e abrir ben os ollos e o corazón ás vacacións! 

Felices vacacións, peques! Merecédesas máis que nunca!




luns, 23 de xuño de 2025

STEAM con Tractores

 


Obradoiros STEAM

Obradoiros STEAM no CRA de Oroso


A nosa biblioteca xa non é só un lugar de libros: é un laboratorio creativo onde a curiosidade prende lume! 

Estos días o alumnado mergullouse nos obradoiros STEAM, onde experimentaron, crearon e pensaron con mirada crítica. Grazas á nosa biblioteca creativa, este tipo de aprendizaxes van moito máis alá das aulas. Aquí desenvolvemos competencias para a vida, habilidades para pensar por si mesmos e ferramentas para transformar o mundo. 

Aprendizaxes impactantes, emocionantes e duradeiras. Porque o que se vive con ilusión... non se esquece! 



Musicxs e libros CEE O Pedroso e CRA de Oroso

 O CRA de Oroso acolle a exposición “Músic@s e libros” do CEE O Pedroso

Nestes últimos días de curso tivemos o pracer de recibir nas catro escolas do CRA de Oroso a exposición itinerante “Músic@s e libros”, un proxecto artístico e educativo elaborado polo Centro de Educación Especial O Pedroso.
A través desta proposta, o noso alumnado achegouse á vida e á música de artistas recoñecidos como Mozart, Beethoven, Chopin, Celia Cruz, Mercedes Sosa, Elvis Presley ou os Beatles. O alumnado e profesorado do CEE O Pedroso, encabezados pola mestra Patricia Fernández Botana, preparou 11 cadros con retratos dos músicos e músicas, acompañados dunha guía de audición, crebacabezas, caixas de música coas súas melodías e unha coidada selección bibliográfica.
Desde o CRA de Oroso queremos agradecer ao CEE O Pedroso por compartir connosco este proxecto tan enriquecedor e creativo. Foi unha honra contar con esta mostra nas nosas escolas e gozar coas súas obras de arte.



xoves, 19 de xuño de 2025

Xornada de Convivencia Familiar no CRA de Oroso

 Xornada de Convivencia Familiar no CRA de Oroso

19 de xuño
A partir das 14:30h, ao rematar as clases

Catro escolas, un só corazón 
Vilacide, Senra, Deixebre e Trasmonte únense para celebrar a festa máis agarimosa do curso: unha xornada de convivencia organizada pola nosa fabulosa ANPA Reviravoltas!

Haberá xantar compartido, risas, natureza e...
Un contacontos moi especial!
Coa maxia de Cris de Caldas, mergullarémonos en historias que nos farán soñar e rir xuntos!

Estades TODAS as familias convidadas, sexades ou non socias da ANPA. Porque neste día, o importante é compartir, convivir e celebrar todo o que construímos durante o curso como comunidade educativa 

Ven, trae o teu sorriso, a túa comida e as gañas de pasalo xenial!
O CRA de Oroso somos todas e todos. Xuntas facemos escola. Xuntas facemos comunidade. Xuntas facemos Reviravoltas!