mércores, 14 de maio de 2025

Grazas a Gustavo, Cristina e ao Concello de Oroso

 Oroso celebra, aprende e honra ás que nos precederon. 

Porque a nosa historia tamén se canta. 


Estes días estamos a celebrar o Día das Letras Galegas nos centros educativos do Concello cunha programación moi especial. Onte foi a quenda do CRA de Oroso, que tivo a sorte de participar nunha charla-concerto didáctica para coñecer e homenaxear ás grandes cantareiras da nosa tradición oral: Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido... e moitas outras que forman parte da nosa memoria colectiva e da nosa historia sonora.

Grazas de corazón a Gustavo e Cristina (Lembrazas do Tambre) pola marabillosa presentación sobre as Letras Galegas e os instrumentos femininos do cancioneiro popular galego. Unha actividade amena, emocionante e chea de aprendizaxe que puxo en valor a nosa lingua, a nosa música e ás mulleres que a fixeron soar.

A través da pandeireta, do pandeiro, das cunchas e das melodías compartidas, as nosas crianzas descubriron o valor do noso patrimonio musical... xogando, cantando e emocionándose.

 Tamén queremos agradecer ás familias que asistiron á sesión de Pingüibiblio do martes pola tarde na Biblioteca Municipal de Oroso. Grazas por participar, por compartir tempo e por transmitir ás vosas crianzas o amor polos libros, a música e a cultura.

E, como non, grazas ás persoas que traballan cada día na biblioteca, ao pé do cañón, facendo da cultura un lugar de encontro para toda a veciñanza.

Finalmente, o noso recoñecemento ao Concello de Oroso e á súa Concellaría de Cultura, Ensino, Infancia, Xuventude, Muller e Igualdade, por propoñer, organizar e facer posible esta actividade tan enriquecedora. 

Seguimos cantando, celebrando e construíndo futuro dende a raíz da nosa identidade.
Vivan as Letras Galegas! Viva a música! Vivamos en galego!




Ningún comentario:

Publicar un comentario