Un día cheo de maxia no CRA de Oroso
No CRA de Oroso vivimos un deses días que quedan gardados no corazón. Os nenos e as nenas recibiron con ilusión inmensa os seus agasallos de Nadal e a escola encheuse de sorrisos, emocións e ollos brillantes . Foi un día fabuloso, deses nos que a felicidade se pode tocar coas mans.
Entre xoguetes, xogos e risas descubrimos algo marabilloso: a maxia estaba por todas partes . Moitos dos agasallos falaban de ilusión, creatividade e fantasía… e mesmo as cartas que nos deixaron os Reis Magos, Papá Noel e o Apalpador lembráronnos o importante que é a maxia tanto no mundo das persoas como no da mitoloxía e o fantástico.
Xogamos, compartimos, inventamos historias, construímos soños e comprobamos que calquera xoguete pode agochar maxia: os deportivos, os de imaxinación, os de creación, os que se moven e os que nos fan pensar. Porque os xoguetes non teñen xénero, son para nenos e para nenas, e todos son benvidos e benvidas cando axudan a medrar, aprender e soñar .
Este día recordounos que a maxia non só está nos contos… está nas mans que abren un agasallo, nos xogos compartidos e na ilusión de aprender xuntos e xuntas .
Seguimos a construír escola desde a maxia, a fantasía e a ilusión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario