domingo, 10 de maio de 2026

Visita Escolar ao Parque de Bombeiros da Coruña

 Pingüi volve ao CRA de Oroso coa mochila chea de emocións, aprendizaxes… e moitísima admiración! 

O noso alumnado tivo a enorme sorte de visitar o Parque de Bombeiros da Coruña, unha experiencia inesquecible na que puidemos coñecer de preto o importantísimo labor que realizan cada día os bombeiros e bombeiras para coidar e protexer a sociedade.

Durante a visita, o bombeiro Francisco explicounos con moitísima paciencia e cariño como funciona un parque de bombeiros: cantas persoas traballan nel, como organizan os seus turnos, como se preparan para actuar ante unha emerxencia e a gran coordinación que existe.

Aprendemos tamén algo fundamental: como debemos actuar ante un incendio e como e quen debe utilizar correctamente un extintor Unha aprendizaxe moi valiosa para a vida!

Ademais, puidemos descubrir os diferentes tipos de vehículos que empregan nas intervencións, os materiais cos que traballan e a indumentaria específica que utilizan segundo cada situación: incendios, rescates, accidentes ou emerxencias especiais.

Cada explicación, cada demostración e cada recuncho do parque fixeron que o alumnado observase con ollos de admiración unha profesión baseada na valentía, na axuda aos demais, na responsabilidade e no traballo en equipo.

O Parque de Bombeiros da Coruña converteuse durante unhas horas nunha aula chea de experiencias reais, aprendizaxes útiles e valores imprescindibles para o noso presente e futuro.


Dende o CRA de Oroso queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Francisco e a todo o equipo de bombeiros e bombeira pola súa atención, proximidade e dedicación. Grazas por abrirnos as portas, resolver cada dúbida e facer que o noso alumnado vivise unha xornada tan especial e enriquecedora.

No vídeo que acompaña esta publicación poderedes descubrir moitos dos momentos e explicacións que vivimos nesta fantástica visita.






sábado, 9 de maio de 2026

Xornada de Atención á Diversidade

 Hoxe, sábado 9 de maio, o profesorado do CRA de Oroso participou na “Xornada de Atención á Diversidade” en Santiago de Compostela, un encontro formativo necesario, enriquecedor e profundamente humano.

Nun momento no que a escola precisa máis ca nunca mirada, escoita e compromiso, estes espazos convértense en auténticos lugares de aprendizaxe compartida. Recursos, experiencias reais, reflexións pedagóxicas e estratexias prácticas déronse a man para seguir construíndo unha educación máis inclusiva, respectuosa e accesible para todo o alumnado.

A atención á diversidade non é unha moda nin un complemento: é unha responsabilidade educativa e social. Significa comprender que cada nena e cada neno aprende dun xeito diferente, sente dun xeito distinto e necesita tempos, oportunidades e acompañamentos diversos para medrar con seguridade e confianza.

Como docentes dun CRA, sabemos que educar na diversidade é educar na empatía, na igualdade de oportunidades e no respecto ás diferenzas que enriquecen a nosa sociedade. Por iso, seguir formándonos é tamén unha maneira de coidar o presente e o futuro da escola rural.

Volvemos desta xornada con novas ideas, ferramentas e, sobre todo, coa motivación renovada para continuar creando aulas onde cada infancia teña voz, lugar e posibilidades reais de éxito. 




xoves, 7 de maio de 2026

Saída escolar ao Parque de Bombeiros da Coruña.

 Ola, familias! Son Pingüi… e non vos podedes imaxinar os nervios e a emoción que hai estes días no CRA de Oroso!

O noso alumnado está contando as horas para vivir unha experiencia moi especial: imos visitar o parque de bombeiros da Coruña!

Alí van ensinarnos as súas instalacións, os seus vehículos, os materiais cos que traballan e, sobre todo, van explicarnos algo moi importante: como podemos previr os incendios e colaborar entre todas e todos para coidar as persoas, os montes, os animais e o noso planeta.

Porque ser bombeira ou bombeiro é moito máis que apagar lume… é axudar, protexer, acompañar e estar sempre preparados para coidar da sociedade cando máis o necesitamos.

No CRA de Oroso queremos que o noso alumnado aprenda dende pequenos e pequenas o valor da responsabilidade, da prevención e da solidariedade. E que mellor maneira que coñecendo de preto a esas persoas valentes que cada día traballan para manternos seguros e seguras.

As familias tamén compartides con nós esa ilusión, as mochilas preparadas, as preguntas infinitas e esas ganas enormes de descubrir como funciona un parque de bombeiros por dentro.

Estou seguro de que será unha visita inesquecible, chea de aprendizaxes, emocións e admiración.

Grazas por abrirnos as portas e por ensinarnos a importancia de coidar a vida entre todas e todos.




A Pingüibiblio do CRA de Oroso encheuse de risas, investigación e moitísima creatividade!

A nosa sesión de animación á lectura estivo adicada ao fascinante mundo das caricaturas e dos debuxos animados. E vaia se o pasamos ben!

Comezamos cun reto moi especial: descubrir que persoas caricaturizadas pertencían ao noso claustro de profesorado. O alumnado converteuse en auténticos e auténticas detectives da biblioteca, observando pistas, expresións, detalles e… algunhas “orellas sospeitosamente coñecidas”.


Despois chegou un dos momentos máis divertidos da xornada: un xogo sobre caricaturas e personaxes animados que nenos e nenas coñecen a través da televisión e dos medios tecnolóxicos. Bob Esponxa, Patrulla Canina e moitos outros personaxes acompañáronnos nunha actividade chea de memoria, humor e participación.

Ademais, tivemos a oportunidade de coñecer mellor a obra do debuxante e humorista gráfico galego Luis Davila, coñecido como *O Bicheiro*. Leva décadas publicando viñetas humorísticas en *Faro de Vigo*. O seu traballo destaca por retratar con humor e retranca a vida cotiá de Galicia, especialmente o mundo do mar, o rural e as tradicións galegas. As súas viñetas conectan coa xente porque reflicten situacións próximas, reais e cheas de identidade galega. 

Na Pingüibiblio seguimos descubrindo que ler tamén é observar, rir, investigar, crear e compartir



luns, 4 de maio de 2026

Explorando o fascinante “Mundo Bichos”

Na nosa saída ás Brañas de Valga, o alumnado do CRA de Oroso viviu unha das experiencias máis impactantes e emocionantes da xornada: o obradoiro “Mundo Bichos” 

Foi un momento cheo de sorpresa, curiosidade e moita aprendizaxe, no que os nenos e nenas puideron achegarse de verdade ao incrible mundo dos pequenos seres vivos 

Observaron de preto animais sorprendentes como bicho pau, bolboretas, arañas ou mesmo escorpións
Descubriron como nacen, como viven e cales son os seus costumes
Comprenderon a súa importancia para o equilibrio da natureza

As caras de asombro, as preguntas constantes e as ganas de saber máis deixaron claro que foi unha actividade… IMPRESIONANTE! 

Este tipo de experiencias permiten romper medos, espertar vocacións e fomentar o respecto polos seres vivos, por pequenos que sexan. Porque coñecer é o primeiro paso para coidar 

No CRA de Oroso seguimos apostando por unha educación viva, que emociona, sorprende e deixa pegada 



 

Ola, olaaa! Son eu, Pingüi… o pingüín máis lector de todo o CRA de Oroso!

Na nosa querida Pingüibiblio temos unha sesión moi especial… adicada ás caricaturas e ás persoas artistas que as crean: caricaturistas!

Sabíades que unha caricatura é un debuxo no que se esaxeran algunhas características dunha persa? Por exemplo… un nariz máis grande, uns ollos moi expresivos ou un sorriso xigante . Non é para rir de ninguén, senón para observar, interpretar e xogar coa imaxinación. É unha forma de arte moi antiga que apareceu en Europa hai séculos e que hoxe segue viva en libros, xornais e… tamén nas nosas bibliotecas! Unha forma diferente de deseñar unha persoa.

Na Pingüibiblio descubrimos que as caricaturas tamén contan historias, igual que os contos . E ademais… axúdannos a mirar con atención, a coñecernos mellor e a expresarnos con creatividade. Porque… quen non ten un super sorriso digno de caricatura? 

E agora vai un chistiño de pingüín artista:

—Pingüi, por que non debuxas nunca en serio?
—Porque sempre me sae… demasiado gracioso!

Debuxamos, rimos, observamos e, sobre todo… lemos con ollos curiosos.

Seguimos facendo da nosa biblioteca un lugar onde a imaxinación voa… e ás veces tamén se debuxa!



domingo, 3 de maio de 2026

O noso patio… un laboratorio natural cheo de vida!

O alumnado converteuse en auténticos exploradores e exploradoras da natureza… e vaia descubrimentos! 


Os amorodos xa comezan a asomar tímidos, o rosal parece estar a piques de regalarnos as súas flores e os dentes de león decidiron conquistar o patio coma pequenos paracaidistas dourados.


E por se fora pouco… milleiros de flores están a espertar e ata as capuchinas xa andan curiosas, abrindo pétalos e “husmeando” o mundo ao seu redor!

A natureza está a falarnos… só hai que parar, mirar… e sentir.

Agora que o sol nos convida a saír e o mes de maio —o mes das flores— está á volta da esquina…
é o momento perfecto para explorar!

Animamos a todo o alumnado, ás familias e á comunidade a:

Pasear polos camiños

Perderse (un pouquiño) polos bosques

Observar os cambios nos campos e no monte

Compartir tempo ao aire libre

E lembrade… se atopades lixo polo camiño…
A natureza non quere lixo, quere cariño!
Recoller, coidar e respectar tamén é aprender.

Porque cada pequeno xesto conta… e cada ollada curiosa fai medrar grandes persoas.