domingo, 10 de maio de 2026

Visita Escolar ao Parque de Bombeiros da Coruña

 Pingüi volve ao CRA de Oroso coa mochila chea de emocións, aprendizaxes… e moitísima admiración! 

O noso alumnado tivo a enorme sorte de visitar o Parque de Bombeiros da Coruña, unha experiencia inesquecible na que puidemos coñecer de preto o importantísimo labor que realizan cada día os bombeiros e bombeiras para coidar e protexer a sociedade.

Durante a visita, o bombeiro Francisco explicounos con moitísima paciencia e cariño como funciona un parque de bombeiros: cantas persoas traballan nel, como organizan os seus turnos, como se preparan para actuar ante unha emerxencia e a gran coordinación que existe.

Aprendemos tamén algo fundamental: como debemos actuar ante un incendio e como e quen debe utilizar correctamente un extintor Unha aprendizaxe moi valiosa para a vida!

Ademais, puidemos descubrir os diferentes tipos de vehículos que empregan nas intervencións, os materiais cos que traballan e a indumentaria específica que utilizan segundo cada situación: incendios, rescates, accidentes ou emerxencias especiais.

Cada explicación, cada demostración e cada recuncho do parque fixeron que o alumnado observase con ollos de admiración unha profesión baseada na valentía, na axuda aos demais, na responsabilidade e no traballo en equipo.

O Parque de Bombeiros da Coruña converteuse durante unhas horas nunha aula chea de experiencias reais, aprendizaxes útiles e valores imprescindibles para o noso presente e futuro.


Dende o CRA de Oroso queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Francisco e a todo o equipo de bombeiros e bombeira pola súa atención, proximidade e dedicación. Grazas por abrirnos as portas, resolver cada dúbida e facer que o noso alumnado vivise unha xornada tan especial e enriquecedora.

No vídeo que acompaña esta publicación poderedes descubrir moitos dos momentos e explicacións que vivimos nesta fantástica visita.






Ningún comentario:

Publicar un comentario