O alumnado do CRA de Oroso viviu unha xornada inesquecible nun dos recunchos naturais máis fermosos e valiosos da nosa contorna: As Brañas de Valga, en Visantoña.
Ao longo do percorrido, puidemos descubrir un espazo cheo de vida, onde a auga, a vexetación e a tranquilidade crean unha paisaxe única. Camiñamos entre sendeiros naturais, observamos a riqueza deste humidal e sentimos de preto a beleza dun lugar no que a natureza fala en cada recuncho.
Tamén visitamos o Centro de Interpretación do Barro, unha aula da natureza que nos abriu as portas ao coñecemento deste ecosistema tan especial. A través das súas explicacións e recursos, comprendemos mellor a importancia de conservar estes espazos e o valor que teñen para a biodiversidade e para o futuro do planeta.
As Brañas de Valga son un exemplo marabilloso de recuperación e posta en valor dun entorno natural, demostrando que coidando a terra, restaurando os espazos e educando en respecto podemos construír un mundo mellor para todas e todos.
Esta experiencia enlaza plenamente co noso compromiso dentro do programa Voz Natura, fomentando no alumnado o amor pola natureza, a conciencia ambiental e a responsabilidade de protexer o medio que nos rodea.
Queremos agradecer sinceramente ao Concello de Mesía e ao Centro de Interpretación do Barro - Aula da Natureza Brañas de Valga Visantoña pola súa acollida, dedicación e por facernos vivir unha mañá tan enriquecedora e especial.
Aprender na natureza é aprender coa vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario