Vivimos unha sesión moi especial na nosa biblioteca escolar. Co gallo do Día Internacional de Facer Preguntas, a Pingüibiblio encheuse de curiosidade, risas e moitas ganas de descubrir o mundo a través das preguntas.
E temos que dicilo: foi todo un éxito!
Todo comezou cun pequeno misterio… as preguntas escaparan dos libros!
O noso alumnado tivo que axudarnos a atopalas e, pouco a pouco, fomos descubrindo que preguntar é unha das mellores maneiras de aprender.
Durante a sesión compartimos dúas historias marabillosas:
A que sabe a lúa? de Michael Grejniec, que nos fixo pensar sobre a cooperación, a curiosidade e o valor de intentar alcanzar os nosos soños xuntos e xuntas.
A partir destes libros xurdiron conversacións, ideas e moitas preguntas que conectan co mundo da lectura e da escritura, pero tamén co pensamento lóxico e matemático: observar, comparar, imaxinar respostas, facer hipóteses e compartir opinións.
Na nosa escola cremos firmemente que a biblioteca é moito máis ca un lugar para ler:
é un espazo onde nacen preguntas, medran ideas e constrúense aprendizaxes para toda a vida.
Queremos compartir coas nosas familias —e tamén coas futuras familias que buscan unha escola viva, curiosa e innovadora— que actividades como esta forman parte do noso día a día: propostas que espertan a curiosidade, fomentan o pensamento e fan do aprender unha verdadeira aventura.
Porque na Pingüibiblio do CRA de Oroso sabemos algo moi importante: cada pregunta abre unha porta ao coñecemento.


Ningún comentario:
Publicar un comentario