domingo, 12 de outubro de 2025


Na Pingüibiblio o 14 de outubro celébrase o Día Mundial da Costura, unha xornada para recoñecer e valorar un oficio antigo, fundamental na historia da humanidade. 

É difícil determinar con exactitude a súa orixe, pero a costura, como arte de confeccionar e crear pezas para o uso diario, acompaña ás persoas desde hai séculos. Trátase dun traballo que require paciencia, habilidade, precisión e, sobre todo, dedicación.

Historicamente, a costura foi un oficio maioritariamente feminino. 

Moitas mulleres, especialmente as de recursos máis modestos, confeccionaban as súas propias prendas e os artigos do fogar, non só como forma de expresión e creatividade, senón tamén como medio de subsistencia. 

Coa chegada da Revolución Industrial, a situación cambiou: moitas mulleres pasaron a traballar en fábricas, sometidas a xornadas esgotadoras, a condicións laborais duras e a exposición a produtos químicos e tinturas que causaban enfermidades circulatorias e respiratorias. 

As loitas e protestas femininas déronlle ao oficio un cambio significativo, xerando melloras tecnolóxicas e industriais que melloraron a súa práctica e recoñecemento.

A costura non é só un oficio: tamén é arte

Tal como consideramos valiosas as pinturas, esculturas, figuras arquitectónicas ou instalacións, o traballo sobre tecidos e novos deseños tamén ten un valor artístico indiscutible. Exemplos de arte relacionadas coa costura son obras como as Carmen Castañeda (https://carmenmcastaneda.com/index.html) a cal cose as súas obras a man. Ademais, os achados arqueolóxicos revelan a evolución da moda e das técnicas de confección, permitindo coñecer mellor as civilizacións pasadas.

En Galicia, a costura tamén adopta formas tradicionais que merecen especial atención. As palilleiras, por exemplo, representan unha manifestación cultural única. Este oficio, centrado na elaboración de encaixes a través de pequenos fíos e coa axuda das palletas, combina delicadeza, paciencia e creatividade. A súa orixe remóntase á Idade Media, e hoxe en día continúa transmitíndose de xeración en xeración, sendo un símbolo da identidade e do patrimonio cultural galego. A importancia das palilleiras non só reside na técnica, senón tamén na súa capacidade de crear pezas de gran valor artístico e económico, mantendo vivas tradicións que son un reflexo do saber facer feminino. Para saber máis recomendamovos ir ao museo do encaixe de Camariñas (http://www.mecam.net/info.php?id=54&idioma=es&sec=15)



Por todo isto, celebrar o Día da Costura significa recoñecer a paixón, o tempo, a dedicación e a valentía que este oficio esixe. E tamén valorar que a creación sobre tecidos, os deseños innovadores e a tradición artesanal teñen tanto valor artístico e cultural como calquera outra obra de arte. En definitiva, a costura é historia, identidade e arte en movemento.

Aqui tedes un pequeno conto en alemán sobre a costura:




 

Ningún comentario:

Publicar un comentario