Dende o CRA de Oroso queremos compartir unha experiencia moi especial vivida grazas á colaboración coa Residencia Porta Vieira, un lugar que é moito máis ca unha residencia: é unha verdadeira gran familia.
Unha persoa moi querida para todas e todos, Sol, puxo en contacto os dous mundos para facer posible algo fermoso: o préstamo das máscaras do CRA, que viaxaron ata a residencia para que as persoas residentes puidesen crear, experimentar e desfrutar destas festas tan sinaladas a través das manualidades. O resultado foi marabilloso: creatividade, ilusión, risas… e moito agarimo compartido
Queremos agradecer de corazón que nos fixeran partícipes destas creacións e que compartiran con nós as fotografías deste traballo artesanal cheo de vida. Foi un agasallo inmenso
E como os intercambios verdadeiros sempre van en dúas direccións, dende o CRA temos preparado outro pequeno gran detalle: un conto creado polos nenos e nenas do CRA de Oroso, pensado especialmente para eles e elas. Un conto para acompañar, para emocionar, para ver cando apeteza. Estará dispoñible a través dun enlace en internet e tamén lles faremos chegar un código QR próximamente, para que poidan desfrutar deste recurso sempre que queiran.
Porque as persoas maiores son memoria, sabedoría e cariño, e teñen un lugar fundamental na nosa vida diaria. En espazos como a Residencia Porta Vieira séntense atendidas, coidadas, acompañadas… e felices. E iso nótase.
Grazas por abrirnos as portas, por coidar con tanto mimo e por demostrar que cando se xuntan xeracións, a comunidade faise máis forte e máis humana.

Ningún comentario:
Publicar un comentario