Este martes 14 de abril… a nosa biblioteca énchese de cor, risas e moita diversión!
Prepárate para unha xornada moi especial arredor dunha das froitas máis coñecidas do mundo: a banana
Que imos facer?
Gozaremos de dúas lecturas moi especiais:
Contando bananas, de Carrie Tillotson, ilustrado por Estrela Lourenço. Editora MIAU
As pirañas non comen bananas, de Aaron Blabey. Editora Anaya.
Dúas historias diferentes… pero igual de sorprendentes e divertidas!
Ademais… Xogaremos Investigaremos Descubriremos curiosidades E mergullarémonos no fascinante mundo das bananas
Sabías que…? As bananas medran en plantas xigantes que moitas veces parecen árbores, pero en realidade son herbas moi grandes Son unha das froitas máis consumidas do mundo Países como India, Ecuador ou Filipinas están entre os maiores produtores Son ricas en potasio, ideal para os músculos e a enerxía E teñen o seu propio “envoltorio natural”, perfecto para levalas a calquera lugar
Ler tamén pode ser saboroso, divertido e… un pouco tolo!
No noso CRA, a aprendizaxe convértese en experiencia viva… e tamén deliciosa!
Nesta ocasión, os nenos e as nenas elaboraron unha tarta en forma de Lúa con obleas e crema de cacao. Pero non foi só unha actividade culinaria… foi unha auténtica viaxe ao espazo!
A partir desta doce creación, mergullámonos no fascinante mundo da misión Artemis II, que nestes momentos continúa o seu camiño e case está por chegar. Inspirados por este fito, o alumnado explorou: As características da Lúa As fases lunares A importancia da Lúa na vida na Terra
Mais tamén houbo espazo para soñar… Falamos da posibilidade de que, nun futuro, as persoas poidan visitar ou incluso vivir na Lúa, unha idea que esperta ilusións, preguntas e unha curiosidade inmensa no noso alumnado.
Esta actividade enmárcase nunha aprendizaxe competencial e globalizada, promovendo: A curiosidade científica e o pensamento crítico A experimentación e a aprendizaxe significativa A creatividade e a expresión de ideas O traballo colaborativo e a participación activa
Todo isto en liña cos obxectivos do currículo, fomentando o desenvolvemento integral do alumnado a través de experiencias motivadoras e conectadas coa realidade.
Porque aprender tamén é crear, experimentar e soñar… e no noso cole, chegamos ata a Lúa!
A primavera xa está aquí… e no CRA de Oroso dámoslle a benvida como mellor sabemos: coas mans na terra e o corazón cheo de ilusión.
Os nenos e nenas convertéronse en pequenos/as xardineiros/as por un día, plantando vida, coidando o noso entorno e aprendendo que cada semente é unha oportunidade para medrar.
Entre risas, terra e moita curiosidade, descubrimos que a natureza é unha gran mestra… e que podemos facer florecer un mundo mellor.
Benvida, primavera! No CRA de Oroso xa estamos listos para verte medrar!
Son Pingüi, a mascota da nosa querida biblioteca do CRA de Oroso… e teño que contarvos algo MARABILLOSO!
Celebramos o Día das Bromas, e… ai, canto rimos! Pero sabedes que foi o máis importante de todo?
Aprendemos que o humor é para compartir, para que todas e todos riamos xuntos. Porque unha boa broma… nunca fai dano, só fai cóxegas no corazón!
As caixas máis sorprendentes do mundo!
Na biblioteca apareceron unhas caixas moi misteriosas…
Unha delas agochaba… unha serpe saltarina! Ai, que susto! Pero logo… gargalladas por todas partes!
Outra era unha caixa máxica que, ao abrila… plof! caía unha choiva de pompóns de cores! Parecía que chovía alegría!
E tamén había unha caixa… que non cheiraba a nada! Pero sabedes que? Cada neno e nena inventaba un cheiro distinto: a chocolate, a flores, a pizza… mmm!
E… shhh! Nunha toalla hixiénica dixemos que había “pis dun neno”…Ao principio… que noxo! Pero despois… todos e todas a rir, porque sabíamos que era unha broma divertida!
Un chistiño de Pingüi!
A ver se vos gusta este:
—Por que os libros nunca teñen frío? —Porque sempre teñen… moitas follas!
Bromas invisibles!
Ai, ai, ai… tamén pasou algo moi divertido! Algúns nenos e nenas (e mesmo profes!) levaban pegatinas nas costas sen sabelo!
Cando se decataban… máis risas! Porque eran bromas feitas con agarimo, para rir todos e todas xuntos e xuntas.
O que aprendemos (e isto é moi importante!)
Como boa mascota sabia, quero dicirvos algo:
Unha broma é boa cando todas as persoas rin Non é broma se alguén se sente mal O humor é unha ferramenta máxica para facernos felices e unirnos
E sabedes que? Fixémolo xenial!
E isto non remata aquí…
Tamén fixemos un concurso de chistes… Preparádevos para rir sen parar!
Recomendacións lectoras (para rir sen parar!)
Moi pronto veredes unhas imaxes con libros cheos de humor, chistes e historias divertidas… porque na biblioteca de Pingüi…
ler tamén é rir!
Grazas por compartir este día tan especial comigo E lembrade…
O noso patio encheuse de maxia, ilusión e moitas risas. Os nenos e as nenas convertéronse en auténticos exploradores e exploradoras na busca dos ovos de Pascua agochados por todos os recunchos do cole…
Carreiras, pistas, ollos ben abertos e moita emoción en cada descubrimento! Porque aprender tamén é xogar… e xogar ao aire libre é vivir!.
E ti… xa pensaches que facer hoxe?
Neste día de Pascua, propoñémosche ideas sinxelas e divertidas para gozar en familia:
Busca de ovos de Pascua no xardín ou na casa
Xogo do tesouro con pistas e pequenos retos
Decoración de ovos con pintura ou materiais naturais
Pequenas aventuras na natureza: observar, recoller, descubrir
Xogos tradicionais ao aire libre: carreiras, escondite, relevos…
Acudir a festas e romerías…
Porque non fai falta moito para crear momentos inesquecibles… só ganas, imaxinación e compartir.