mércores, 23 de abril de 2025

23 de Abril. Día do libro no CRA de Oroso

Día do Libro 2025 no CRA de Oroso

"Ler é comprender. O acto de ler é entendemento. Ler e comprender é vivir." — Álvaro Pombo

Hoxe celebramos moito máis ca un día calquera. Celebramos o poder dos libros para abrir portas, sementar comprensión e facer medrar vidas máis ricas e libres.

O cartel oficial, creado por Pep Montserrat, Premio Nacional de Ilustración 2024, inspírase nesa idea: o libro como porta aberta a mil mundos. Como no noso CRA, onde cada páxina lida é un camiño de ida e volta entre imaxinación e realidade.

Dende o corazón das nosas escolas rurais, convidamos a toda a comunidade —nenas, nenos, familias, mestres e amizades— a facer do libro un compañeiro/compañeira de vida. Que nos axude a sentir, pensar, rir e descubrir. Porque un libro no peto é ledicia no peito.

Durante esta semana, viviremos o espírito da #SemanaCantareira cunha presentación moi especial:
“Cantigas de lectura para un día con doce altura”, onde xogaremos coas palabras, cantaremos consellos lectores e celebraremos que ler... é tamén vivir!

Non esquezades o 23 de abril é o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, unha data chea de historia e simbolismo, elixida pola UNESCO para lembrar a importancia da lectura, dos autores e da creación literaria.

Así que... hoxe e sempre:


Lede, sentide, compartide. A lectura é unha festa e todos e todas estamos convidados e convidadas!




Ningún comentario:

Publicar un comentario