domingo, 11 de maio de 2025

Este martes GRAN ACTUACIÓN!

Como sabedes esta semana imos celebrar o Día das Letras Galegas no CRA de Oroso. Pero tamén imos conmemorar o Día das Familias. Temos unha gran semana por diante!

O Día das Letras 2025 vén con moita retrousa! Este ano, as protagonistas son as cantareiras galegas e as nosas cantigas tradicionais, esas que fan bailar os pés e latexar o corazón!

Estas mulleres valentes gardaron o galego nas súas voces, transmitindo cantigas de xeración en xeración: de avoas a netas, de nais a fillas e de veciña en veciña. A súa poesía popular naceu no traballo compartido, nas rogas, esas xornadas agrícolas onde a axuda mutua remataba con festa, pandeireta e moito xeito!

Para lles dar cara e voz, este ano escollemos a grandes representantes: Adolfina e Rosa Casás (de Cerceda), Eva Castiñeiras (de Muxía) e Prudencia, Asunción Garrido e Manuela Lema, tres das incribles Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). Elas si que saben montar unha boa foliada!

E como a tradición camiña da man da familia... tamén celebramos o Día Internacional das Familias, cun lema que fai cantar a esperanza: “As familias, unha vida sa e un futuro sostible”. A ONU lembra que a familia é o piar onde medra o benestar, a igualdade, a saúde e a educación. Sen familia, non hai comunidade; sen coidado, non hai futuro.

Este 15 de maio unímonos á mensaxe da Axenda 2030: loitar contra a pobreza, promover unha prosperidade xusta, educar en igualdade e coidar do planeta. As nosas cantareiras sabíano ben: na unión está a forza... e a música!


Este martes na biblioteca imos ter unha gran actuación. Contamos con vós.


Ningún comentario:

Publicar un comentario