mércores, 29 de abril de 2026

Descubrindo o código… e descubrindo a maxia da biblioteca!

O martes vivimos na biblioteca escolar do CRA de Oroso unha xornada inesquecible, chea de emoción, curiosidade e moitísimas ganas de aprender.

O noso alumnado converteuse por unhas horas en auténticos investigadores e investigadoras, capaces de descifrar mensaxes secretas, comunicarse con mímica, escribir os seus nomes en código Morse e descubrir como se falaba a distancia… moito antes dos móbiles e da internet! 

Foi unha experiencia marabillosa na que non faltaron as risas, o traballo en equipo e esas caras de sorpresa que tanto nos gustan ver cando aprenden xogando. 

Nesta aventura tamén nos acompañaron dous libros moi especiais: Contos por teléfono, que nos achegou ao fascinante mundo do teléfono, e Invento, inventores e ideas xeniais, que nos abriu a porta para coñecer mellor o telégrafo e os grandes inventos que cambiaron a historia. 

Descubrimos así que o telégrafo podería ser o avó da internet, e o teléfono o seu pai, porque grazas a eles comezou o soño de comunicar persoas que estaban lonxe. 

E como broche final… o alumnado marchou feliz e moi ilusionado co agasallo recibido. Un detalle que gardarán con cariño para lembrar esta gran misión secreta na biblioteca.

Porque cando entramos na biblioteca… nunca sabemos a aventura marabillosa que nos está esperando. 





Ningún comentario:

Publicar un comentario