mércores, 25 de febreiro de 2026

O día dos amorodos


Animación lectora que sabe a amorodo… e a ganas de volver!

Vivimos no CRA unha sesión marabillosa e chea de ilusión arredor do libro Marmelada de amorodo, escrito por Daniel Nesquens, ilustrado por Fino Lorenzo e publicado pola Editorial Xerais. 



O alumnado leu a historia con moitísima atención… e quedou completamente sorprendido ao descubrir que ao rato non lle gusta calquera cousa, senón algo tan especial como a marmelada de amorodos. As ilustracións de collage, cheas de expresión e humor, acompañaron unha lectura que lles encantou de principio a fin.

Despois chegou unha das partes máis agardadas: degustación de diferentes tipos de amorodos, probámolos de distintas formas, fomentamos sabores, texturas e preferencias

O goce foi total. Tanto, que foron os propios nenos e nenas quen propuxeron levar a experiencia á casa e elaborar, en familia, a súa propia marmelada de amorodos. Aprender, compartir e crear lazos tamén forma parte da lectura.

Estas sesións de animación á lectura, que se realizan de maneira semanal, son unha proposta moi valorada polas familias: acolledoras, vivenciais e pensadas para que o alumnado ame os libros e o tempo compartido arredor deles.

Animamos a todo o alumnado do CRA a sumarse ás próximas sesións: hai moitas máis historias, sorpresas e sabores por descubrir!

E ás futuras familias que estean pensando en formar parte do noso centro: no CRA a lectura vívese, compártese e desfrútase en comunidade.

Grazas por acompañarnos nesta aventura tan doce. Seguimos lendo… e saboreando historias!


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario